San Xoán

Cada ano, na noite do 23 de xuño e coincidindo co solsticio de verán, celébrase un dos máis fermosos rituais colectivos conservados en Galicia, a festividade de San Xoán na croa do castro de Castrolandín.

Esta celebración foi recuperada no ano 2001 pola Asociación de Amigos dos Castros durante os traballos de investigación etnográfica sobre o xacemento, previos ás escavacións arqueolóxicas.

Conservada na memoria ancestral esta tradición, que se remonta a datas moi remotas, mantívose ata a guerra civil española, época a partires da cal se prohibe a súa celebración. 

SAN XOAN 2

A xente gozando da noite máxica diante da fogueira de San Xoán en Castrolandín.

SAN XOAN 1

Cartel do San Xoán 2001

A recuperación desta festividade procúrase respectando o seu verdadeiro sentido e tal como a transmiten os avós do lugar. Así, acéndese o facho principal en forma de fogueira no centro da chan do castro; ao perder esta a súa luminosidade e forza do calor, os asistentes achéganse para recoller o seu lume en fachos de pau untados en graxa, e levalos ata cada unha das sete piñas que colgan dos cincuenta e dous ramos de salgueiro distribuídos por todo perímetro da muralla do castro, creando un cÍrculo de lume e unha atmósfera única, coa sensación de que algo remoto e ancestral emerxe con ese anel de luz enchendo a paisaxe nocturna do val de Cuntis nesa noite de verán.

Segundo Xurxo Ayán, arqueólogo e investigador involucrado de primeira man no xacemento, expón que existen tres vertentes simbólicas para a celebración desta fogueira de San Xoán. Por unha banda cumpriría, coma no resto do país, unha función de ritual propiciatorio e purificador. Esta zona ademais presenta a peculiaridade de que as mulleres en idade fértil saltan a fogueira para favoreceren as posibilidades de ter descendencia. Por outra banda, a celebración da fogueira nun outeiro elevado serve como elemento de autoafirmación da aldea fronte ás veciñas, xa que o lume pódese ver desde máis lonxe. Finalmente, a festa ten unha función de cristianización dun lugar que funcionaria como punto de unión entre o mundo cotián dos veciños e o mundo oculto dos mouros que, segundo a tradición, e tamén en Castrolandin, habitan baixo a terra do recinto amurallado.