O xacemento do castro de Castrolandín
O castro de Castrolandín
Situado a tan só un quilómetro e medio do centro de Cuntis, o castro de Castrolandín é un xacemento arqueolóxico que estivo habitado dende finais da Idade do Ferro. Trátase dun asentamento de tamaño medio que chegou a acoller arredor dun cento de persoas na fase final da cultura castrexa.
A súa localización privilexiada, próxima ao río Umia, permitiu o desenvolvemento dunha comunidade fundamentalmente campesiña, na que a agricultura e a gandería constituían a base da vida cotiá.
Un enclave con historia
O castro foi fundado a comezos do século IV a.C. e permaneceu habitado ata finais do século I d.C., momento no que foi abandonado definitivamente. A partir de entón, non volveu ser ocupado. Nese mesmo período, a poucos quilómetros, comezaba a medrar un asentamento romano na actual vila de Cuntis, vinculado ás súas recoñecidas augas termais.
Investigación e posta en valor
As intervencións arqueolóxicas, iniciadas no ano 2004, permitiron documentar un total de 18 construcións no xacemento. Na actualidade, poden visitarse 10 destas estruturas, que destacan polo seu bo estado de conservación e pola súa capacidade para explicar a organización e funcionamento do castro.
Escavacións arqueolóxicas
Sector Norte
Unidade doméstica no Sector Norte
Sector Sur
Casa con adro
- Primeiro momento: as construcións eran de madeira e colmo, sen pedra.
- Segundo momento: empezaron a construírse cabanas en pedra, de planta circular e oval, de pequenas dimensións e bastante uniformes, dando ao castro a súa fisonomía clásica.
- Terceiro momento (século I d.C.): toda a arquitectura anterior foi ignorada e sepultada, abríndose paso a novas cabanas máis grandes e desiguais.
Cabana rectangular no Sector Sur
Cabana con adro no Sector Sur
Sector Este
A muralla e as defensas están conformadas por un foxo e un parapeto de terra coroado por unha muralla. O parapeto está sustentado por un muro de contención interior e outro exterior, e sobre este aséntase a muralla de pedra.
O aspecto actual dos restos do xacemento é froito do traballo de consolidación. As estruturas foron reforzadas, evitando reconstrucións imaxinativas, para preservalas dos axentes atmosféricos e doutros elementos erosionadores. Orixinalmente, os muros foron construídos con argamasa de arxila. Na consolidación empregouse unha masa de cal, máis sólida, que non dana as pedras e pode ser retirada con facilidade.


