O Museo do Castro de Viladonga acollerá un novo obradoiro de «Do orixinal á réplica», unha actividade na que as persoas participantes poderán achegarse ao proceso de recreación dunha peza de cerámica de época castrexa pertencente á colección do museo.
Nesta ocasión, o obxectivo será reconstruír unha cerámica a partir dos fragmentos arqueolóxicos conservados e do seu debuxo arqueolóxico, seguindo os pasos necesarios para interpretar o recipiente orixinal e reproducilo mediante técnicas de modelado tradicionais.
A peza escollida é unha cunca de forma troncocónica, con bordo lixeiramente exvasado, corpo carenado, labio redondeado e asa acintada. Foi realizada a man sobre torno lento ou torneta.
A súa decoración está composta por liñas incisas que enmarcan filas de impresións realizadas a peine, formando un motivo en zig-zag, e unha banda de retícula bruñida.
Pola súa morfoloxía e características, o seu uso probable estaría relacionado co servizo de mesa.
Ao longo da actividade, as persoas participantes poderán descubrir como se deseñaban, elaboraban e utilizaban as cerámicas castrexas e experimentar directamente cos materiais e técnicas empregadas na súa recreación.
«Do orixinal á réplica» propón así unha experiencia práctica para comprender o patrimonio arqueolóxico a través das mans, aproximándonos aos coñecementos e ás habilidades dos oleiros da Idade do Ferro.
Inscricións
As prazas son limitadas a 15 persoas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Terán prioridade aquelas persoas que non participasen anteriormente neste obradoiro.
📞 Inscricións e información: por teléfono, no Museo do Castro de Viladonga: 982 870 160.
Animádevos a participar nesta experiencia e a descubrir, desde a práctica, o proceso que vai do fragmento arqueolóxico á réplica.

