Este 10 de agosto volveremos participar na IX Romaría de San Lourenzo, no castro de Cereixa (A Pobra do Brollón), unha cita na que temos a satisfacción de colaborar edición tras edición, formando parte dun proxecto que une investigación arqueolóxica, patrimonio e comunidade.
A campaña de escavacións, que este ano celebra a súa décima edición, mantén desde os seus inicios unha filosofía de portas abertas, permitindo que veciños e visitantes descubran de primeira man o traballo arqueolóxico e os novos achados nun xacemento que conserva importantes restos da Idade do Ferro e da época medieval.
Como xa é tradición na Romaría de San Lourenzo, ás 17:00 horas impartiremos o noso Obradoiro de Cerámica Castrexa, unha actividade que se ten consolidado como parte da programación desta celebración. A través da arqueoloxía experimental achegaremos ao público o proceso de investigación e recuperación da cerámica castrexa: desde o estudo das pezas arqueolóxicas ata a reprodución das formas, as técnicas de modelado e os sistemas de cocción empregados hai máis de dous mil anos.
Unha nova oportunidade para compartir coñecemento, divulgar o noso patrimonio e seguir facendo da arqueoloxía unha experiencia viva e participativa.
Agardámosvos en Cereixa!
