Este domingo 23 de agosto, a Fundación Terra Termarum, a través do seu Obradoiro Experimental de Cerámica Castrexa de Castrolandín, estará presente en Laeros, Festival da Arte Rupestre, que se celebra no Campo Lameiro.
Ao longo da xornada, o noso obradoiro achegará ao público o traballo de recreación experimental da cerámica prehistórica, a través dunha selección de pezas elaboradas a partir dos modelos e evidencias arqueolóxicas coñecidas para este período.
A participación incluirá unha exposición de reproducións cerámicas de diferentes tipoloxías, que permitirá coñecer a variedade de formas, acabados e características das producións cerámicas da Prehistoria, así como unha explicación dos modelos representados e do proceso seguido para a súa recreación.
Xunto á exposición, realizaremos tamén demostracións en vivo de elaboración cerámica, mostrando ao público diferentes fases do proceso de fabricación das pezas e achegándoo ás técnicas e coñecementos empregados polos grupos humanos prehistóricos.
A presenza da Fundación en Laeros forma parte do noso compromiso coa investigación, recuperación e divulgación do patrimonio arqueolóxico, empregando a arqueoloxía experimental como ferramenta para comprender e transmitir os procesos tecnolóxicos do pasado.
Laeros reunirá durante a xornada diferentes propostas de divulgación, recreación histórica, arqueoloxía experimental e cultura vinculadas á Prehistoria, convertendo o Campo Lameiro nun punto de encontro para achegarse ao pasado desde diferentes perspectivas.
Agardámosvos este domingo 23 de agosto en Laeros!


