Desde a Fundación Terra Termarum Castrolandín iniciamos unha nova etapa na difusión do noso traballo de investigación e recuperación da cerámica castrexa coa itinerancia da exposición «A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación», que comezará o seu percorrido pola provincia de Pontevedra o vindeiro 15 de setembro en Sanxenxo.
A nosa exposición poderá visitarse no Centro de Interpretación A Telleira, A Fianteira – Vilalonga (Sanxenxo), desde o 15 de setembro ata o 15 de outubro de 2026.
Esta mostra reúne unha colección de reproducións de pezas cerámicas procedentes de 28 xacementos arqueolóxicos de Galicia, resultado do traballo que desenvolvemos desde a Fundación desde o ano 2005 no ámbito da investigación, a arqueoloxía experimental e a recuperación da cerámica castrexa.
A través do noso Obradoiro Experimental de Cerámica Castrexa de Castrolandín, levamos desde 2005 estudando as producións cerámicas de época castrexa e experimentando cos procesos necesarios para a súa recreación. Partimos das pezas arqueolóxicas conservadas, dos seus fragmentos, dos debuxos arqueolóxicos e da documentación dispoñible para recuperar as súas formas, proporcións, decoracións, acabados e técnicas de elaboración.
Cada reprodución que presentamos na exposición é, polo tanto, o resultado dun proceso de investigación e experimentación, no que combinamos o coñecemento arqueolóxico co traballo artesanal para achegarnos ás técnicas e ás formas de produción da cerámica de época castrexa.
Unha exposición no marco de «Trazas de Pontevedra»
A itinerancia da nosa exposición realízase no marco do proxecto «Trazas de Pontevedra», unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, para contribuír á posta en valor e difusión do patrimonio arqueolóxico da provincia.
Ao longo de 2026 e 2027, levaremos esta exposición a cinco concellos da provincia de Pontevedra. Despois desta primeira parada en Sanxenxo, o percorrido continuará por Marín, Tui, A Guarda e Vilagarcía de Arousa.
Para nós, esta itinerancia supón unha oportunidade para compartir o resultado do noso traballo con novos públicos e dar a coñecer a investigación que desenvolvemos desde a Fundación arredor da cerámica castrexa e da recuperación do patrimonio material da Idade do Ferro en Galicia.
Actividades complementarias en Sanxenxo
Durante a estancia da exposición en Sanxenxo desenvolveremos tamén un programa de actividades complementarias destinado a diferentes públicos, co que queremos achegar a cerámica castrexa dunha maneira práctica, participativa e divulgativa.
O 24 de setembro, ás 19:30 horas, contaremos coa conferencia de Mar Cortegoso Comesaña e Elena Cabrejas Domínguez. A continuación, ás 20:30 horas, realizaremos unha visita guiada á exposición.
Os días 26 de setembro e 3 de outubro impartiremos dous obradoiros de cerámica castrexa para público adulto, nos que poderemos compartir de maneira práctica parte do proceso de experimentación e recreación que desenvolvemos no noso obradoiro.
Tamén impartiremos tres obradoiros didácticos para público infantil, pensados para que os máis pequenos poidan coñecer a cerámica castrexa dunha maneira amena, participativa e divertida, experimentando directamente co barro e descubrindo as formas e características das pezas.
As actividades destinadas a grupos realizaranse mediante reserva previa, de acordo coa programación establecida durante a estancia da exposición.
Con esta itinerancia, desde a Fundación Terra Termarum Castrolandín queremos seguir compartindo o noso traballo e demostrando como a investigación, a arqueoloxía experimental, a artesanía e a divulgación poden camiñar xuntas para coñecer, recuperar e poñer en valor a cerámica castrexa e o patrimonio arqueolóxico de Galicia.
