Cerámica Castrexa
Breve historia
Tomando como referencia algúns dos restos cerámicos documentados nas escavacións efectuadas no castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) durante as campañas 2004/2005, elabórase un Proxecto de Investigación a instancia de Mario Touceda Torres (autor intelectual do Proxecto e Coordinador de Actividades da Fundación Terra Termarum), que ten como finalidade coñecer os pasos e técnicas aplicadas na elaboración da cerámica na Idade do Ferro en Galicia.
Así, no ano 2004 comeza o estudo pormenorizado e sistemático do repertorio cerámico recuperado no castro a nivel tecnolóxico, realizando prácticas interpretativas que permitiron obter a información sobre os procesos de elaboración e as reconstrucións das pezas completas, ademais de identificar os tipos máis representativos das cerámicas do xacemento.
Completada a colección de réplicas cerámicas do castro de Castrolandín, un dos obxectivos era poñela en relación co resto dos xacementos castrexos de referencia en Galicia
Fragmentos cerámicos atopados na campaña de escavación 2005
Proxecto de investigación
O proxecto de Investigación e Recuperación da Cerámica Castrexa en Galicia pretende a recuperación dunha mostra representativa da cerámica dos xacementos arqueolóxicos castrexos de referencia na nosa comunidade. O obxectivo é a elaboración dunha colección de réplicas de cerámicas castrexas completamente documentadas e caracterizar con elas o conxunto tipolóxico da cerámica dos castros galegos, poñendo en relación a colección de réplicas cerámicas procedentes do castro de Castrolandín co resto dos xacementos castrexos da nosa comunidade.
O resultado mostra a cerámica castrexa dende un punto de vista novo e didáctico cara o público non especializado, sendo tamén moi interesantes para os profesionais.
Debuxo arqueolóxico de cada peza
Fragmento orixinal coa súa reprodución.
Para realizar as réplicas púxose en marcha un proxecto de investigación arqueolóxica consistente nunha primeira selección a nivel bibliográfico das pezas máis salientables da cerámica castrexa en Galicia. Estas pezas caracterízanse a nivel formal e tecnolóxico que, xunto á fotografía e ao debuxo arqueolóxico, permítennos facer unha reconstrución formal o menos subxectiva posible.
As pezas que foron documentadas para este estudo pertencen a museos e Centros Arqueolóxicos de Galicia e proceden de xacementos castrexos cunha ocupación englobada entre os séculos VIII antes da nosa era e o I da era actual. As reconstrucións arqueolóxicas realizadas son o produto final deste proceso de investigación apoiado nos datos, experiencias e comparación entre pezas.
O obxectivo final do proxecto é acercar a cerámica castrexa ao público en xeral, conseguindo abstraer un fragmento recuperado no xacemento, durante a escavación arqueolóxica, para realizar unha recreación da peza completa que nos ofrece unha visión dimensional.
Este estudo de Investigación e Recuperación da Cerámica Castrexa en Galicia foi realizado no ano 2012 pola arqueóloga Mar Cortegoso Comesaña (memoria arqueolóxica) e o equipo técnico de restauradores e ceramistas formado por Sandra Obarrio Fernández, José Luís Villanueva López e Elena Cerviño Ferrín.
Obradoiro
Como resultado do traballo de investigación a partir dos materiais cerámicos encontrados nas escavacións do castro de Castrolandín durante as campañas de escavación e o posterior Proxecto de Investigación da Cerámica Castrexa en Galicia, púxose en marcha o Obradoiro de Cerámica Castrexa de Castrolandín, inscrito en Artesanía de Galicia co número 756, onde se elaboran as réplicas cerámicas, cubrindo as necesidades da existencia dunha artesanía local.
Un proxecto consolidado que trata de ofertar ao público un novo e innovador produto no campo da artesanía e que axuda a fomentar a difusión do patrimonio cultural e arqueolóxico da comarca.
Este obradoiro é unha ferramenta máis para dar a coñecer o castro de Castrolandín e potenciar o turismo cultural da zona. A recuperación da cerámica serve de medio de difusión do proxecto da Fundación Terra Termarum Castrolandín, destacando o obxectivo social ao facilitar por medio destas reproducións o coñecemento polo público en xeral da cultura material castrexa, permitindo así un achegamento a unha parte da nosa historia.
Actividades e servizos do obradoiro:
-
Realización de cursos de cerámica para crianzas, persoas adultas e grupos especializados nos que se imparten os fundamentos teóricos e a metodoloxía da elaboración da cerámica castrexa.
-
Réplicas arqueolóxicas de cerámicas destinadas a Centros de Interpretación.
-
Pezas específicas para coleccións de museos e coleccionistas particulares.
-
Obsequios representativos da cerámica castrexa para institucións oficiais.
-
Pezas de artesanía.
-
Materiais didácticos para centros educativos con formas cerámicas e decoracións.
Responsable técnica do obradoiro:
- Sandra Obarrio Fernández (Diplomada en Restauración e Conservación de Bens Culturais na especialidade de Arqueoloxía e Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Cerámica Artística).
Exposición
Esta exposición é o resultado do proxecto de Investigación e Recuperación da Cerámica Castrexa en Galicia realizado pola Fundación Terra Termarum Castrolandín.
Dita colección estivo en exposicións temporais nas principais cidades de Galicia:
- Museo Provincial de Pontevedra (2013)
- Capela de Santa María, Lugo (2013)
- Domus, A Coruña (2014)
- Pazo de Fonseca, Santiago (2014)
- Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, Ourense (2015)
- Museo Castro de Viladonga, Lugo (2015)
- Museo Quiñones de León, Vigo (2024)
- Artistea. Residencia, Pontevedra (2025)
Pazo de Fonseca. SANTIAGO DE COMPOSTELA
Museo Provincial. PONTEVEDRA
Museo do Home (DOMUS) A CORUÑA
Capela Santa María. LUGO
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (PACC) OURENSE
Museo Quiñones de León. VIGO
Artistea.Residencia Artística. PONTEAREAS