San Xoán en Castrolandín

No ano 2001 a Asociación Amigos dos Castros promove a recuperación da festividade de San Xoán na croa do Castro, tradición que se viña celebrando ata o estoupido da Guerra Civil Española.

Este ritual da celebración do San Xoán é algo excepcional en Galicia. Consistente na realización dunha fogueira tradicional no centro da chan do castro e unha vez que esta perde a súa luminosidade, a modo de fachos feitos con piñas atadas a ramas de salgueiro e previamente clavadas arredor da muralla, procédese ao seu acendido, creando ese círculo que alumea a paisaxe nocturna do val de Cuntis.

Segundo Xurxo Ayán, arqueólogo e investigador involucrado de primeira man no Xacemento, expón que existen tres vertentes simbólicas para a celebración desta fogueira de San Xoán. Por unha banda cumpriría, coma no resto do país, unha función de ritual propiciatorio e purificador. Esta zona ademais presenta a peculiaridade de que as mulleres en idade fértil saltan a fogueira para favoreceren as posibilidades de ter descendencia. Por outra banda, a celebración da fogueira nun outeiro elevado serve como elemento de autoafirmación da aldea fronte ás veciñas, xa que o lume pódese ver desde máis lonxe. Finalmente, a festa ten unha función de cristianización dun lugar que funcionaría como punto de unión entre o mundo cotián dos veciños e o mundo oculto dos mouros que, segundo a tradición, e tamén en Castrolandín, habitan baixo a terra do recinto amurallado.