O xacemento

O xacemento do castro de Castrolandín, situado a aproximadamente 1 km do centro de Cuntis, pertence a finais da Idade do Ferro.

Castrolandín é un castro mediano, habitado no momento final da cultura castrexa por arredor de 100 persoas. Polo que sabemos, foi levantado nos inicios do século II antes de Cristo, e abandonado a finais do século I despois de Cristo, para non voltar a ser ocupado xamais. Para entón, no que hoxe é a vila de Cuntis, xa se desenvolvía un asentamento romano, o carón das súas augas termais.

As defensas do poboado eran un profundo foxo e unhas elevadas murallas, das que aínda se conservas restos baixo a superficie. Para construílas o primeiro ergueron un parapeto  todo arredor do poboado aproveitando a terra que resultou de escavar o foxo. O parapeto sostíñase nuns muros de contención. Logo, no cumio do parapeto, construíron unha pequena muralla de pedra. No seu tempo, aquí o conxunto das defensas podería acadar os 5 metros de altura.

 

Os poboadores de Castrolandín traballaron arreo para levantar estas defensas, pero non é sinxelo atopar unha explicación para tanto traballo. Unha comunidade como a que viviría aquí estaría na súa maioría composta por agricultores. Porén, un pequeno número de guerreiros dentro de cada da comunidade sería de abondo para xerar un clima de inseguridade. Por outra banda sabemos que os enfrontamentos non eran a grande escala, pois non atopamos poboados destruídos violentamente nunha cantidade apreciable. Mais a ameaza do roubo e outros actos violentos puntuais pode ser suficiente para construír estructuras así. As defensas tamén serían unha expresión do poder do poboado. Terían un valor de ostentación e de persuasión cara ó exterior. E, porque non, nunha sociedade controlada en certa medida por unha élite guerreira, as murallas puideran ser tamén un xeito de pechar o poboado sobre si mesmo, de controlar ós seus propios poboadores, como fixeron tamén, séculos máis tarde, as murallas das cidades medievais.

O aspecto actual dos restos en todo o xacemento é producto do traballo de consolidación. As construcións foron reforzadas e as veces as recrecidas, sen facer reconstrucións imaxinativas, para protexelas mellor. Orixinalmente os muros foron construidos cunha argamasa de arxila. Na consolidación foi empregada unha masa de cal, máis sólida, que non dana as pedras, e pode ser retirada con facilidade. O punto dende o cal as estructuras foron reconstruidas, sinálase cunha fiada de cal máis escura. 

 

Durante as escavacións no poboado, que comezaron en 2004, téñense documentado os restos de 18 construcións diferentes. Delas, hoxe pódense contemplar 10; aquelas que puidemos conservar e explicar de mellor xeito. Hai tres sectores de escavación abertos.

O primeiro deles esténdese sobre o penedo que centra o poboado; alí temos un conxunto de vivendas de pequenas dimensións e forma circular ou oval. Nesta parte do poboado atopábase a súa entrada orixinal.

O segundo sector atópase na zona chan do castro. Aquí  todo é diferente: as construcións son maiores, e a súa forma e mais variada.

O terceiro sector de escavación atópase nas murallas.

Podes atopar moita máis información sobre o xacemento na revista TAPA publicada polo Insituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, coordinada por Xurxo M. Ayán Vila. Pódese descargar de xeito gratuíto na seguinte ligazón:  https://digital.csic.es/bitstream/10261/6164/1/TAPA29.pdf